Ante a votación de hoxe mércores dia 31, a sección
sindical de CCOO de La Voz de Galicia quere facer explícita a súa
posición antes todos os traballadores e traballadoras de empresa e
chamalos a apoiar co seu voto o preacordo.
É
certo que o preacordo supón unha redución, outra máis, do noso salario.
Pero tamén o é que o contido do preacordo é moito menos negativo que o
que se nos viña enriba. E máis aínda, solo a loita decidida e exemplar
do cadro de persoal, durante semanas permitiu dar a volta a unha
poposta inicial absolutamente inasumibel.
Hoxe,
as condicións de preacordo reducen de forma considerable o recorte
salarial pero sobre todo é un instrumento fundamental para o obxectivo
básico: o mantenemento do emprego, a defensa dos postos de traballo,
evitar máis despedimentos.
1. A redución salarial:
Estamos
ante unha redución salarial do 6,25 % de media para o 2013 e de 12,5 %
para o 2014, equivalentes a unha paga extra en 2013 e a dúas en 2014. É
unha redución forte dos nosos salarios, dende logo, que se une ás
anteriores. Pero para valorala hai que ter en conta o seguinte:
- A ameaza previa dunha redución do 66 % en complementos e do 16% nos slarios durante o 2013.
- A solicitude da empresa á comisión consultora de convenios para implicar o convenio cunha redución dunha porcentaxe que se descoñece.
- O carácter temporal, ata 2014, da redución pactada fronte ao carácter definitivo en táboas que terían a resolución da Comisión.
- O establecemento dun mecanismo de recuperación da rebaixa salarial se a empresa mellora a súa conta de resultados.
- O seu escalado, cun 0 % para os que cobran menos de 17.500 € ao ano e un 8,5 % para os de máis de 60.001 €.
- A extensión do axuste ao resto de gastos da empresa, de tal forma que a redución dos salarios no cadro de persoal, obriga a unha diminución de 2 millóns de euros nos gastos de explotación, a unha redución do 9 % en colaboradores externos , ao 16,6 % nas retribucións de Conselleiros e administradores e un 12,5 % en cada exercicio da Alta dirección e a Comisión Permanente.
- Polo tanto, o noso sacrificio obriga tamén ao resto das partes, non é so un axuste sobre o cadro de persoal.
- Pero sobre todo, porque esta redución salarial é o prezo que pagamos entre todos para evitar os despedimentos de compañeiros. Renunciamos de forma temporal, condicionada a outros axustes e con posibilidade de recuperación, a unha parte do noso salario para manter o emprego. Isto é, solidariedade de clase.
2. O mantemento do emprego
Que
ninguén se engane. O obxectivo sindical deste preacordo é defender o
emprego nunha situación de enorme dificultade. A situación de crise no
sector e
unha reforma
laboral que deu o poder ás empresas pon as condicións para que a empresa
poida despedir con 20 días de indemnización co tope dunha anualidade
sen ningunha dificultade xurídica.
Por
iso o comité buscou un acordo previo, a cláusula adicional primeira do
anterior convenio colectivo. Para frear a aplicación da reforma laboral
na nosa empresa. E iso é o que se volve a facer neste preacordo:
- Establécese unha garantía incondicional de mantemento do emprego ata o 1 de setembro de 2014, de forma que garantimos un ano sen ningún despedimento.
- Limítase a capacidade da empresa de utilizar a reforma laboral para despedir por razóns obxectivas, porque se compromete a manter o emprego mentres que as vendas non se reduzan en 3,8 millóns de euros en setembro de 2014 en comparación con setembro de 2013.
Hai
que recordar que a reforma laboral permite a unha empresa despedir
cando baixan as súas vendas en tres trimestres consecutivos comparados
co ano anterior, aínda que sexa 1 euro.
E
iso supón, que TODAS as empresas do sector están na posibilidade legal
de despedir a TODOS os traballadores e traballadoras que estimen
oportunos, porque a caída de ingresos é xeneralizada a todos os
periódicos.
En síntese, o
preacordo é aceptar unha redución salarial para evitar males moito
maiores, tanto nos salarios como sobre todo en despedimentos.
Por todo iso, CCOO chama a votar si no referendum, porque para nos este preacordo é a mellor saída á difícil situación á que estamos.