viernes, 2 de agosto de 2013

A maioría do persoal da Voz de Galicia aproba o preacordo

Pasadas as once da noite do 31 de xullo, a maioría do persoal da Voz de Galicia aprobou un preacordo reduce o impacto negativo das pretensións iniciais da empresa e evitará máis despedimentos. Exerceron o dereito ao voto 295 persoas, algo máis do 90 % do censo. Destas, 171 (o 58 %) votaron favorablemente a proposta, 108 votaron e contra e houbo tamén 16 votos en branco.
Sinalamos que o preacordo implica unha nova redución salarial, se ben notablemente menor ao que se propuña inicialmente, e salienta que será un «instrumento fundamental» para lograr o «obxectivo básico» das negociacións: o mantemento do emprego.
Líbranse da rebaixa do salario os traballadores e traballadoras que cobren anualmente menos de 17.500€. Para o resto de colectivos, a mingua salarial será, de media, do 6,25% para o 2013 e do 12,5% para o 2014, isto é, descontarase o equivalente a unha paga extra este ano e ás dúas do vindeiro. Cómpre lembrar que proposta inicial da empresa era reducir os salarios o 66% pra este ano e que a mingua sería permanente; grazas ao acordo, a perda de poder adquisitivo será menor e limitada ao 2014. Inclúese, ademais, un mecanismo de recuperación desta rebaixa salarial se a empresa mellora a conta de resultados.
Con todo, os axustes extenderanse ao resto de gastos de empresa, polo que ademais da redución salarial haberá unha diminución en dous millóns de euros nos gastos de explotación, un 9% menos para colaboracións externas, un descenso do 16,6% nas retribucións dos conselleiros e administradores e un 12,5% en cada exercicio da alta dirección e da comisión permanente.
Salientamos a «solidariedade de clase» do persoal da Voz de Galicia, realizando este sacrificio común para evitar o despedimento de máis compañeiros e compañeiras, enfatizando que, en todo caso, será un axuste económico de carácter temporal.
A representación de Comisións na Voz de Galicia lembra que a sitaución é de «enorme dificultade», tanto pola crise no sector dos medios de comunicación como pola reforma laboral do PP, que lles deu o poder ás empresas, facilitando despedimentos con só vinte días de indemnización co máximo dunha anualidade «e sen ningunha dificultade xurídica».

O texto do preacordo fixa unha «garantía incondicional de mantemento do emprego» ata o 1 de setembro de 2014. Isto é, non haberá ningunha rescisión de contratos ata como mínimo pasado un ano. Tamén se limita a capacidade da empresa de utilizar a reforma laboral para despedir por razóns obxectivas, porque se compromete a manter o emprego mentres que as vendas non se reduzan en 3,8 millóns de euros en setembro de 2014 en comparación con setembro de 2013. Neste punto, cómpre lembrar que a reforma do mercado de traballo permite os despedimentos obxectivos cando o descenso nas vendas se produza en tres trimestres consecutivos en comparanza co último ano, «aínda que a diferenza sexa de só un euro».